DIXITEGA achega a Sergude o proxecto para dixitalizar a cadea de valor de Ternera Gallega

O proceso de dixitalización da cadea de valor da IXP Ternera Gallega, a través do Grupo Operativo DIXITEGA, continúa traballando para lanzar a plataforma tecnolóxica a finais deste ano. O proxecto atópase inmerso na fase de desenvolvemento e probas da aplicación e, en paralelo, está a impartir varias xornadas formativas e divulgativas con axentes relevantes do sector.

Coma xa se fixo en xaneiro en Fonteboa, este luns a formación continuou no CFEA de Sergude con outras dúas clases dirixidas ao alumnado do ciclo medio de Produción Agropecuaria e do ciclo superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal. Ademais de abordar a importancia do tratamento e protección de datos, oportunidades de financiamento ou ferramentas 2.0, mostráronse exemplos de aplicacións prácticas para as ganderías, coma Contaláctea ou Contacarne.

O obxectivo de DIXITEGA é achegar aos futuros traballadores e traballadoras das explotacións agrogandeiras o uso das tecnoloxías e modelos avanzados de xestión dixital. En xeral, o alumnado destes centros de formación son nativos dixitais e excelentes prescritores de ferramentas e aplicacións na súa contorna máis próxima. As formacións, con orientación práctica, son conducidas por DIH DATAlife, unha das entidades colaboradoras do Grupo Operativo. En próximas datas está prevista unha nova sesión no uso de ferramentas dixitais avanzadas para os alumnos do ciclo superior Gandería e Asistencia en Sanidade Animal. 

Dixitega

O Grupo Operativo Dixitega porá en marcha unha plataforma TIC sólida e flexible para a IXP Ternera Gallega, coa finalidade de facilitar o acceso e manexo conxunto de fontes de datos públicas e privadas relevantes para a cadea de valor, dunha forma concisa, contrastada e visual, que mellore a toma de decisións. 

Ao mesmo tempo, a implantación das TIC facilitará a consecución dos obxectivos de sostibilidade establecidos no Pacto Verde Europeo e na Estratexia da Granxa á Mesa. A dixitalización neste segmento fará posible que a produción cárnica galega sexa, para os próximos anos, máis competitiva e sostible, tanto a nivel económico e social coma ambiental. 

O Grupo Operativo DIXITEGA conta cun orzamento de 176.329,19€ financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Ademais da Fundación Juana de Vega (coordinadores), participan a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). As entidades colaboradoras son o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), ACRUGA e DIH DATAlife.