O proxecto DIXITEGA forma en xestión dixital ás EFA Fonteboa e Sergude

O proceso de dixitalización da cadea de valor da IXP Ternera Gallega, a través do Grupo Operativo DIXITEGA, continúa avanzando para presentar a plataforma tecnolóxica a finais deste ano. A iniciativa atópase agora na terceira fase de traballo, que consiste no desenvolvemento e testeo da aplicación e na posta en marcha de varias xornadas formativas e divulgativas con axentes relevantes do sector.

Entre finais deste mes, febreiro e marzo, realizaranse diversas charlas na EFA Fonteboa (Coristanco) e no CFEA de Sergude (Boqueixón), co obxectivo de achegar aos futuros traballadores e traballadoras das ganderías o uso das tecnoloxías e dos modelos avanzados de xestión dixital. O alumnado destes centros xa é nativo dixital e excelente prescritor de ferramentas e aplicacións na súa contorna. Estas sesións formativas, con orientación práctica, serán conducidas por DIH DATAlife, un dos colaboradores do Grupo Operativo.

A primeira cita xa foi o pasado xoves, 25 de xaneiro, en Fonteboa, con estudantes do 2º ciclo superior en Paisaxismo e Medio rural e do ciclo medio en Gandería. Ademais de abordar a importancia do tratamento e da protección de datos, as oportunidades de financiamento ou ferramentas, coma o caderno dixital ou a administración electrónica, mostraronse exemplos de aplicacións interesantes para as ganderías. 

A seguinte formación será o 19 de febreiro, na EFA Sergude, ante estudantes do ciclo medio de Produción agropecuaria. Xa en marzo, dirixirase ao ciclo superior de Gandería e asistencia en sanidade animal, cun carácter máis práctico, xa que os asistentes traballarán coa ferramenta de sensorización e análise de datos Agricolus.

Proxecto Dixitega

Nos últimos meses do 2023, o Grupo Operativo consultou a opinión de responsables da produción, fabricantes de penso, industria cárnica, distribución e entidades de asesoramento, quedando de manifesto a necesidade dunha plataforma TIC, sólida e flexible, para a IXP Ternera Gallega. Esta ferramenta busca facilitar o acceso e o manexo de fontes públicas e privadas relevantes para a cadea de valor da Indicación Xeográfica Protexida, dunha forma concisa, contrastada e visual, para mellorar a toma de decisións.

O Grupo Operativo DIXITEGA conta cun orzamento de 176.329,19 euros, financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Ademais da Fundación Juana de Vega (coordinadores), participan a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). As entidades colaboradoras son o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), ACRUGA e DIH DATAlife.