
Ternera Gallega Suprema e Boi Galego Selección mostran a súa excelencia no Salón Gourmets
As Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego participaron unha edición máis no Salón Gourmets, unha das feiras de alimentación de alta gama máis destacadas do panorama gastronómico profesional, que se celebrou en Madrid entre o luns 7 e este xoves 10 de abril. Ante máis de 150 persoas, ambos selos de calidade ofreceron tres showcookings protagonizados polas súas categorías comerciais de maior nivel: Ternera Gallega Suprema e Boi Galego Selección. Dous deles desenvolvéronse nos stands da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e da Consellería do Mar e o terceiro, na Aula Gourmets do Salón.
O chef do Restaurante España (Lugo) e presidente do grupo Nove, Héctor López, dirixiu estas demostracións gastronómicas, poñendo en valor a calidade do produto amparado, a versatilidade que achega aos profesionais da restauración e as diferencias organolépticas entre a carne de tenreira e o vacún maior. Da categoría Ternera Gallega Suprema -a que procede de animais menores de 10 meses e alimentados con leite materna, como mínimo, ata os sete-, presentou pezas e estilos de cociñado moi variados. Para abrir boca, comezou cun consomé obtido só dos xugos da carne, seguido dun rosbif de redondo e un sandwich de pastrami elaborado co peito.
Co fin de amosar o sabor, a moleza e a zumarencia característicos de Ternera Gallega Suprema simplemente á prancha, sen máis artificios, Héctor López optou pola picaña e, tamén, pola tapa da pa: peza con grandes posibilidades e diferentes usos culinarios que, segundo o tratamento previo, pode empregarse tanto para guisos como para a grella. Este corte permitiu, ademais, apreciar os matices en canto a aromas, textura e intensidade entre a carne de tenreira e o vacún maior xa que o chef serviu unha tapa da pa de Ternera Gallega Suprema e outra de Boi Galego Selección. Esta categoría comercial identifica a carne de machos castrados antes do ano, que se sacrifican con máis de 48 meses, e que destaca pola graxa infiltrada e a de cobertura de cor amarelo e laranxa.
Continuando co vacún maior, López tamén preparou un ravioli de culata de contra, sen esquecer o seu premiado steak tartar. Nesta ocasión, elaborouno con carne do corte redondo e acompañouno con milfollas de Pataca de Galicia IXP. Ademais, ofreceu un chourizo, igualmente de Boi Galego Selección.
Calidade e orixe
Estas presentacións gastronómicas acompañáronse de explicacións sobre o funcionamento de cada IXP, os sistemas produtivos dos que proceden as carnes certificadas e o tipo de animais amparados, ademais da súa alimentación e manexo. O director de Promoción do Consello Regulador, Luis Vázquez, tamén incidiu no programa de control e rastrexabilidade que garante a orixe e a calidade do produto e fixo fincapé nas etiquetas que o acompañan, como aval para recoñecelo no mercado e diferencialo doutras carnes sen Indicación Xeográfica Protexida. Por último, destacou que elixir este tipo de alimentos contribúe a manter a poboación no medio rural, apoiando a súa rendibilidade a nivel económico, social e medioambiental.
Ternera Gallega Suprema Ecolóxica
Ademais dos showcookings con Héctor López, o chef André Arzúa (Espazo Abella, Santiago) presentou outra demostración gastronómica sobre os alimentos con selo do CRAEGA, o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. Coa carne de Ternera Gallega Suprema Ecolóxica, elaborou un steak tartar no que a peza escollida foi o pez, amosando que este tipo de preparacións en cru poden facerse con cortes diferentes e pouco habituais, mas alá do tradicional solombo.
Atención informativa e comercial
Durante as catro xornadas da feira, o persoal do Consello Regulador tamén atendeu un punto de información dentro do stand da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, onde recibiu os visitantes interesados nas carnes certificadas. Profesionais do sector cárnico e da canle Horeca procedentes de diferentes puntos de España e doutros países, mesmo de Tailandia, aos que se lles entregou material informativo e divulgativo sobre Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego, coa meta de ampliar as oportunidades comerciais das empresas e das industrias inscritas en ambas IXP e repercutir, en consecuencia, en toda a cadea produtiva.