O Consello Regulador impartiu en Fonteboa un curso sobre o vacún galego de calidade

Tres xornadas formativas achegaron aos estudantes do Centro de Formación Rural EFA Fonteboa a produción do vacún con selo IXP, enfocándose na súa eficiencia, manexo e calidade. Baixo as directrices do persoal do Consello Regulador e do CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), este seminario ofreceu unha ampla visión sobre os sistemas produtivos de Ternera Gallega e de Vaca Galega-Boi Galego, ademais de afondar no seu programa de control, nas técnicas para mellorar a alimentación do gando e nas estratexias de comercialización.

Como punto de partida, o director técnico do Consello Regulador, Antón Xende, falou da historia e da evolución das IXP e abordou o funcionamento do sistema de control e rastrexabilidade da carne certificada. Neste capítulo, explicou o traballo dos vedores en campo, onde comproban a orixe, as razas e a alimentación dos animais; ademais do seu benestar animal e o uso de substancias, asegurándose de que as ganderías cumpran os requisitos de cada IXP. Nas industrias, o persoal do Consello Regulador certifica e etiqueta os canais, asegurando a súa rastrexabilidade; cuestión que continúa tamén nos puntos de venda mediante comprobación documental e mesmo con probas de ADN

Pola súa banda, na seguinte xornada formativa, os investigadores do CIAM, Teresa Moreno e Santiago Crecente, encargáronse de familiarizar ao alumnado cos sistemas de produción sostible e eficiente de cada unhas das Indicacións Xeográficas Protexidas, tanto no caso dos becerros como do vacún maior. Trataron as mellores formas de traballo na explotación para optimizar a alimentación e a nutrición do gando e o seu manexo.

A formación sobre os mercados e a comercialización da carne certificada correspondeulle ao director de Promoción, Luis Vázquez, que tamén falou das perspectivas de futuro e das oportunidades de diferenciación. Ademais, explicou como funciona a plataforma Dixitega, a ferramenta de dixitalización de Ternera Gallega, que ofrece diferentes fontes de información relevante para toda a cadea de valor da IXP.