A formación do Consello Regulador continúa na Escola de Hostalaría Baixo Miño

Ademais do seminario sobre os procesos de calidade das IXP impartido en Lugo, esta semana o Consello Regulador tamén ofreceu un curso formativo na Escola de Hostalaría Baixo Miño, en O Rosal (Pontevedra). Asistiron preto de corenta estudantes de ‘Operacións básicas de cociña’, que puideron coñecer o funcionamento de Ternera Gallega e como tratar e preparar a carne certificada para obter os mellores resultados gastronómicos. 

Recoñecer o produto amparado é o primeiro paso para que os futuros profesionais da cociña o incorporen aos seus menús; polo que o alumnado recibiu formación sobre as diferentes categorías comerciais da IXP e o seu etiquetado para poder diferencialas doutras carnes sen selo de calidade. Tamén coñeceron o significado dunha Indicación Xeográfica Protexida e todo o que hai detrás desta figura: desde o tipo de animais e razas admitidos e a súa alimentación ata o sistema de control que se aplica en todas as fases da produción. Igualmente, explicóuselles a relevancia deste selo para o futuro do medio rural, tanto a nivel socioeconómico como medioambiental. 

Como estudantes de hostalaría, unha parte fundamental do curso centrouse nas diferentes pezas do vacún e os seus usos culinarios; de xeito que, xa desde a súa formación, os profesionais da cociña desboten a idea equivocada de que existen pezas de primeira e de segunda categoría. Coa carne sobre a mesa, o alumnado abordou as técnicas de corte, preparación e cociñado máis axeitadas, afondando en cuestións como a maduración, o temperado ou o corte a contrafibra