O Consello Regulador, recoñecido como agrupación de produtores
O DOG publicou a resolución da Axencia Galega de Calidade Alimentaria pola que se outorga a condición de agrupación de produtores recoñecida aos Consellos Reguladores de diferentes IXP e DOP da nosa comunidade; entre eles, o de Ternera Gallega e Vaca Gallega – Boi Galego.
O regulamento europeo establece que os Estados membros poderán aplicar un sistema de recoñecemento de agrupacións de produtores (APR) a aquelas que cumpran as seguintes condicións: ter unha forma xurídica determinada e contar cun mínimo do 50 % dos produtores entre os seus membros ou cunha porcentaxe mínima de produtores entre os seus membros e cun mínimo do 50 % do volume ou valor da produción comercializable.
Segundo a normativa da calidade alimentaria de Galicia, os consellos reguladores da comunicade teñen personalidade xurídica de seu baixo a forma de corporacións de dereito público e gozan de autonomía financeira e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins. Axustan o seu funcionamento ao dereito privado, excepto cando exerzan potestades públicas, nas que se rexerán polo dereito administrativo. Deben ter representadas as persoas operadoras alimentarias inscritas nos seus rexistros, nos que teñen que figurar todas as persoas físicas ou xurídicas interesadas en pertencer á denominación. Polo tanto, estas corporacións de dereito público representan a totalidade dos produtores do selo de calidade.
Os demais Consellos Reguladores recoñecidos son os das denominacións Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Valdeorras, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, San Simón da Costa, Mel de Galicia, Pataca de Galicia, Pan de Cea e Castaña de Galicia.