Ternera Gallega ofreceu varios obradoiros de cociña xunto ao GDR Terras de Compostela
Promocionar os alimentos e os mercados locais é un dos obxectivos do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela, que abrangue 10 concellos: Ames, Boqueixón, Brión, Santiago, Teo, Val do Dubra, Vedra, A Baña, Negreira e Santa Comba. Con eles colaborou a IXP, entre os meses de setembro e novembro, realizando varios showcookings con degustación.
Da man do cociñeiro e embaixador de Experiencias de Calidade de Galicia -natural, ademais, de Negreira-, Xosé Manuel Mallón, estes obradoiros puxeron en valor a carne certificada e resaltaron a importancia das ganderías para o mantemento do territorio onde se asentan. Nos concellos que atinxen ao GDR Terras de Compostela, son 77 as explotacións inscritas na IXP.
Mallón ensinou aos asistentes as técnicas de corte, tratamento e preparación máis axeitadas para sacarlle o máximo partido ao produto; recomendando as pezas apropiadas segundo o tipo de cociñado, xa sexa á prancha ou á grella como en guisos ou asados.
O último dos showcookings foi en Ames, na Feira Tanto Monte Monte Tanto. Anteriormente, celebráronse no Val do Dubra e Santa Comba, vinculados á Ruta das Carballeiras e a unha Xornada Micolóxica, e tamén na Feira Labrega de Brión e en Negreira.