O Consello Regulador participa nun debate sobre o futuro do agro 

Relevo xeracional e discriminación positiva para manter a poboación no rural. Son as principais claves que se abordaron no foro ‘Presente e futuro do agro galego’, organizado polo xornal El Correo Gallego e que contou coa participación do presidente do Consello Regulador, Jesús González, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o director de compras de Vegalsa, Jorge Eiroa. 

González apostou, neste debate, por medidas que favorezan que a poboación se manteña no rural, como mellorar o acceso á vivenda ou as comunicacións, tanto por terra como as conexións online. Considera imprescindible o relevo xeracional, xa que o sector cárnico conta con titulares de explotacións de idade avanzada e é necesario, lembra, reestruturar estas ganderías para mellorar en competitividade. Neste sentido, o presidente do Consello Regulador recordou que o minifundismo propio de Galicia é un factor moi negativo e que as políticas desenvolvidas ata agora non deron os resultados axeitados despois de anos de aplicación. 

Sobre estas cuestións tamén fixo fincapé o secretario de Unións Agrarias. Destacou que na próxima década se van xubilar 2 de cada 3 titulares de explotacións, polo que será imprescindible incorporar nova man de obra. Tamén defendeu condicións atractivas en sanidade, educación e comunicacións para que esta nova xeración quede no campo. Roberto García coincidiu con Jesús González en sinalar o minifundismo como un problema que resta competitividade e que non se solucionou coas políticas de mobilidade de terras. Lembrou que as ganderías precisan unha boa base territorial para a alimentación animal

Segundo García, para que se fomente o relevo xeracional é clave que os gandeiros e gandeiras gañen poder de negociación ante a industria e a distribución, formando os prezos de abaixo cara arriba, dixo. Mesmo, se fose preciso, aposta por un equilibro público nas negociacións e puxo como exemplo a Francia, onde se non hai acordo intervén un mediador. O secretario xeral de Unións Agrarias recalcou que aínda cunha lei da cadea que non permite que se pague aos produtores por debaixo dos custos de produción, a industria segue impoñendo os prezos. Reclama máis transparencia, un observatorio de prezos galego, contratos a longo prazo e tomar como referencia para os prezos índices obxectivos. 

O presidente do Consello Regulador tamén considera que a lei da cadea serve de pouco se non se aplica con sentido común e, ademais, puxo o acento sobre as políticas cambiantes que afectan ao sector primario, como a lexislación ditada desde a Unión Europea, criticando a súa falta de obxectividade e que non se tomen decisións máis transversais e a longo prazo.

Pola súa banda, Jorge Eiroa subliñou que se debe mimar o sector primario e os seus produtores, como un elo fundamental xunto coa industria e a distribución para chegar ao consumidor e proporcionarlle os alimentos que demanda. Defende o diálogo entre toda a cadea de valor para lograr que a actividade no campo sexa rendible. E tamén sostible, recordando as accións que realiza Vegalsa neste sentido, como a medición da pegada de carbono ou a hídrica e o deseño de envases ecolóxicos.