Nova parada do programa formativo da IXP

Ternera Gallega colabora de novo co obradoiro de emprego “Mar de Santiago”, que celebra a súa terceira edición en Vilanova de Arousa, co obxectivo de formar a 25 alumnos nas especialidades de Cociña e de Servizo de bar e cafetería. Un taller dirixido a persoas en situación de desemprego que conta co aval dos bos resultados de edicións anteriores, nas que boa parte dos participantes conseguiron un traballo antes de finalizar o curso. 

Como é habitual no seminario de formación que imparte a IXP, os estudantes traballaron directamente co produto amparado nas cociñas, incidindo nas mellores técnicas para a súa conservación, corte e preparación. Coa carne nas mans, comprobaron a importancia do seu temperado, da maduración ou do sentido do corte. Tamén puideron achegarse a pezas pouco habituais pero que alcanzan resultados culinarios de altura, como a tapa da pa (llana), o filete de vacío ou o corte redondo (babilla); sen necesidade de acudir a cortes populares pero de maior custo, como o lombo.

Antes da práctica coa carne certificada, os estudantes puideron coñecer as diferentes categorías comerciais da IXP Ternera Gallega e as cualidades que as definen, ademais das etiquetas que as acompañan e que certifican a calidade e a orixe do produto. Tamén se lles informou sobre o sistema de control que aplica o Consello Regulador en todas as fases da cadea, destacando o valor que supón o selo Indicación Xeográfica Protexida e a importancia de consumir alimentos baixo este distintivo para manter vivo o medio rural.       

Co seu programa formativo, Ternera Gallega busca achegar a calidade da carne certificada aos futuros traballadores da hostalaría, co fin de que coñezan a súas cualidades organolépticas e como sacarlle o máximo partido na cociña; e que, así, a incorporen ás súas carreiras profesionais