O Consello Regulador amosa o traballo de ganderías e industrias a produtores da IXP Carne de Cantabria 

O intercambio de experiencias sobre o control e a promoción dos selos de calidade diferenciada foi o eixo central da visita, na que os gandeiros de Carne de Cantabria estiveron acompañados de representantes da ODECA, a Oficina de Calidade Alimentaria da comunidade autónoma. Dúas xornadas de traballo co obxectivo, segundo recalcou o goberno cántabro, de impulsar e desenvolver de maneira definitiva o funcionamento das súas agrupacións de produtores e a protección da súa IXP.

A delegación visitou a sede do Consello Regulador en Santiago, onde se reuniu co seu presidente, Jesús González, o secretario, Xosé Gómez, o director técnico, Antón Xende, e o director de Promoción e Relacións Externas, Luis Vázquez, para estudar múltiples cuestións sobre a creación, organización e xestión das IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego e a súa aplicación nas  figuras de calidade en Cantabria.

Traballo sobre o terreo

O segundo día, xunto a Antón Xende, o grupo visitou diferentes ganderías semiextensivas e de cebo tradicional na provincia de Lugo, co obxectivo de coñecer o sistema de control de Ternera Gallega na fase de produción, sobre as razas, o manexo, a alimentación e a sanidade e benestar animal.  

Continuaron visitando unha industria inscrita para abordar o sistema de certificación que aplica o Consello Regulador neste eido da cadea; ademais de acudir á Facultade de Veterinaria, onde foron recibidos polo director do Laboratorio de Hixiene e Calidade Alimentaria, Carlos Franco, e o xefe de Departamento, Alberto Cepeda, co fin de achegarse aos controis de substancias e probas de ADN que efectúa Ternera Gallega. As cuestións relativas á versatilidade, preparación e cualidades organolépticas da carne certificada puideron tratalas da man do cociñeiro do Restaurante España, Héctor López.

A delegación cántabra estivo formada polo director da ODECA, Juan Luis Centeno, a xefa en funcións da Unidade Técnica desta Oficina, Clara Gómez, e a técnica responsable da área da IXP Carne de Cantabria, Ana Velasco. Tamén acudiron o xefe da sección de carne da cooperativa AGC, Javier Varea, a xerente veterinaria da Asociación de gandeiros AFTECA, Raquel Jaroso, os directivos desta asociación e produtores de carne de Cantabria, Ángel Pérez e Raúl de Celis, e o representante do sindicato ASAJA e tamén gandeiro da IXP cántabra, Ángel Navarro.