A formación sobre o vacún de carne de calidade chega ao Salnés 

Segue o programa formativo do Consello Regulador. No mes de setembro recalou no obradoiro de emprego de Hostalaría do Salnés, que imparte en Sanxenxo a súa XV edición. Os seus alumnos, das especializades de Cociña e Restaurante-bar, asistiron ao seminario teórico e práctico sobre o vacún galego de calidade.

Xunto ao director de Promoción, Luis Vázquez, abordaron o significado do selo IXP e a súa relevancia para o rural, ademais das diferentes categorías comerciais e as súas cualidades diferenciais e o sistema de control e certificación do Consello. Nos fogóns, traballaron con diferentes pezas, que prepararon, cortaron e cociñaron para achegarse ás infinitas posibilidades gastronómicas que ofrece a carne certificada e ás mellores técnicas culinarias para sacarlle o máximo partido.

A Mancomunidade do Salnés, que desenvolve este obradoiro de emprego, ten por obxectivo formar a persoal para o sector da hostalaría. Desde os seus inicios no 2005, este proxecto chegou a case 500 persoas.