O Consello Regulador participa en varios eventos de apoio ao rural
A pasada fin de semana celebrouse a terceira edición da Festa da Vendima de O Saviñao, coa que a IXP colabora desde os seus inicios. Ofreceu nesta cita unha nova demostración culinaria en directo, con degustación, na que Ternera Gallega Suprema foi a protagonista. O cociñeiro Santi Almuíña, do restaurante Colón (Lugo), presentou varias pezas en diferentes pratos para achegar aos asistentes todas as posibilidades gastronómicas do produto certificado.
Comezou cun sinxelo pero orixinal tataky de croca, para pasar á prancha con tres cortes: o medallón de vacío, a bavette e a tapa da pa (llana). Con estas pezas resaltou o sabor e a moleza da carne amparada, sen necesidade de máis artificios. E para rematar, o chef ofreceu peito estufado en pan de brioche. Estas elaboracións acompañáronse doutros alimentos galegos de calidade diferenciada, como viños da DO Ribeira Sacra, Pementos de Herbón e queixo San Simón da Costa.
Durante a demostración, o público participante puido coñecer consellos de preparación da carne e recibiron material de merchandising da IXP, como bolsas reutilizables e mandís; ademais de receitarios, que inclúen un listado das diferentes pezas do vacún e os seus usos recomendados.
A Festa da Vendima de O Saviñao enxalza os labores típicos da vendima, o viño, a gastronomía e o folclore, nun lugar único como é a Devesa de Escairón. Un evento que, xunto ás propostas culinarias, tamén contou con diferentes actuacións musicais, obradoiros infantís e de artesanía, unha mostra de pezas do Ecomuseo de Arxeriz e unha exhibición de talla en madeira por parte do escultor Eugenio Linares.
En Agolada e Boimorto
Tamén a cultura gastronómica e, sobre todo, a relevancia do tecido produtor galego e a sostibilidade do rural, foron o fío condutor da xornada ‘Ferrados de vida’, que acolleu o concello de Agolada, nos Pendellos, o 31 de agosto. A IXP colaborou coa iniciativa cedendo carne certificada para unha degustación dirixida por Pedro Lalo, chef do grupo ‘Cociña Ourense’. Preparou unha croca para presentar en tartar e en tataky.
Ademais de amosar a calidade dos produtos alimentarios galegos, coa súa exposición e venda ao público, a xornada fomentou o intercambio de coñecemento e de experiencias entre produtores e expertos dos eidos da saúde, da nutrición e do medio ambiente con diferentes mesas divulgativas.
E, tamén, como proposta para poñer en valor o rural a través da música, Ternera Gallega estivo presente un ano máis no Festival da Luz, en Boimorto. Da man da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, o Consello Regulador achegou material promocional para os asistentes aos diferentes showcookings e catas propostos. Nunha delas, ademais, a carne escollida para degustar foi Ternera Gallega Suprema Ecolóxica.