Ternera Gallega Suprema percorre a península coa Volta ciclista

Un ano máis, e xa suma trece consecutivos, a Indicación Xeográfica Protexida está a promocionar a carne amparada en toda España da man da Volta ciclista. Nesta edición, faino ademais en Portugal xa que a carreira arrincou en Lisboa e contou con tres paradas no país veciño. Coa colaboración da Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) e de Acruga, ofrécense degustacións de Ternera Gallega Suprema – Carne de Rubia Gallega nas 21 etapas da proba, que rematará o 8 de setembro.

A través de diferentes preparacións e pezas da perna, como o corte redondo (babilla), a contra, a febra miúda (culata de contra), o xarrete, a croca ou a folla branda (tapa), estas degustacións poñen en valor a versatilidade e a alta calidade do produto certificado, que se presenta á prancha ou en guisos e estufados. 

Este ano, non só a carne amparada está a poñer o sabor galego á Volta ciclista, xa que o percorrido remata o mes de agosto con 4 etapas en Galicia. Tralo día de descanso en Vigo, a pasado martes, a carreira descorreu entre Ponteareas e Baiona. Continuou en Padrón, onde o Campus Tecnolóxico Cortizo acolleu a saída e a chegada da etapa. Este xoves, seguiu desde Ourense á estación de montaña de Manzaneda e despídese da comunidade partindo desde Lugo cara o porto dos Ancares.

Coa natación en Galicia

Tamén coma en anos anteriores, a IXP vai estar presente na proba de natación Triple Coroa Illas Atlánticas, que se celebra o 7 de setembro. Dentro da liña habitual do Consello Regulador de apoiar o deporte e a alimentación equilibrada, achegará produto certificado e material de merchandising para colaborar con esta cita.

Ata 141 nadadores, procedentes de España, Francia, Andorra, Italia e Portugal, percorrerán unha travesía de 23 quilómetros entre a praia de Area dos Cans, en Ons, e a praza da Chousa de Combarro. Segundo indica a organización, trátase dun dos retos de natación de ultrafondo máis esixentes do panorama nacional. Nesta ocasión, é a etapa final e a máis longa da proba, que arrincaba no 2022 cunha travesía de 15 quilómetros entre Cíes e Baiona e seguía o ano pasado cunha distancia de 19 quilómetros desde Sálvora ata Ribeira.