A carne de Ternera Gallega Suprema, desde Becerreá ao resto de España

O concello de Becerreá celebrou este sábado a súa tradicional Festa de Ternera Gallega Suprema, que alcanzou xa a súa XVII edición. Desde as 21:30 horas, os asistentes puideron gozar dunha churrascada desta carne certificada, da que se prepararon máis de 400 kg. A cita contou, un ano máis, coa colaboración da IXP, tanto na achega do produto como de receitarios para o público.

Antes e despois da degustación, a festa completouse con música. Desde media tarde co pasarrúas da charanga Fuego e, pola noite, co trío Enclave de ti. Desde o 2016, Becerreá celebra en agosto estas festas en honor ao veciños do concello e da comarca dos Ancares que marchan traballar fóra e regresan a pasar as súa vacacións. 

‘La Vuelta’ 

A carne de Ternera Gallega Suprema tamén se vai poder degustar en toda España da man de La Vuelta ciclista, que sae o próximo sábado desde Lisboa e remata o 8 de setembro en Madrid, con catro etapas en Galicia: entre Ponteareas e Baiona, en Padrón, desde Ourense ata Manzaneda e entre Lugo e o porto de Ancares.

A IXP participa por décimo terceiro ano consecutivo nesta cita deportiva xunto á Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), ofrecendo degustacións da carne certificada nas 21 etapas coas que conta a carreira. En colaboración con Acruga, o Consello Regulador promocionará a carne certificada baixo a categoría Ternera Gallega Suprema Carne de Rubia Gallega, da que vai ofrecer diferentes cortes da perna, como o corte redondo (babilla), a contra, a febra miúda (culata de contra), o xarrete, a croca ou a folla branda (tapa). Unha variedade de pezas que se degustarán en diferentes preparacións, tanto á prancha como en guisos ou estufados.