A IXP imparte formación sobre a carne certificada en dous obradoiros de emprego
O plan formativo do Consello Regulador continúa durante o verán; dirixíndose, nesta ocasión, a dous talleres de emprego de Restauración, que suman 35 alumnos. Este mércores, da man do director de Promoción, Luis Vázquez, a IXP impartiu o seu seminario teórico e práctico no obradoiro de Porriño “Porremprego Cualifica II”. E o mesmo esquema seguiu este venres no “Vigo Capacita IX” da cidade olívica.
Nestas sesións formativas sobre o vacún galego de calidade, os asistentes traballaron directamente coa carne certificada, que cortan, preparan e cociñan, co obxectivo de que coñezan a versatilidade das diferentes pezas e os seus usos culinarios máis axeitados. Os alumnos puideron familiarizarse con pezas singulares ou menos habituais nas cociñas: o corte redondo (babilla), a tapa da pa (llana) ou o vacío, cos seus diferentes grupos musculares, como o filete ou a bavette.
Antes de pasar á práctica, os alumnos achegáronse ao funcionamento do Consello Regulador, explicándolles como traballan as ganderías inscritas, o tipo de animais e as razas admitidos, a súa alimentación e manexo. Tamén se incidiu na etiquetaxe da carne certificada, que permite identificala e diferenciar as súas categorías comerciais, como único elemento que garante a orixe e a calidade do produto. Igualmente, abordouse o programa de control e de rastrexabilidade que aplica a IXP en toda a cadea, desde o campo ata os puntos de venda.
Con este programa de formación, que Ternera Gallega tamén leva a escolas de hostalaría e ás cadeas de distribución, procúrase ampliar o coñecemento sobre o vacún galego de calidade e as súas cualidades diferenciais respecto a outro tipo de carnes. No caso das escolas e obradoiros de emprego, a meta é que os alumnos incorporen o produto certificado no seu futuro traballo como profesionais da restauración.