III Festa degustación de Ternera Gallega Suprema en Baleira

Diferentes pezas do dianteiro guisadas e a man de diante asada enteira. Así se serviu a carne de Ternera Gallega Suprema na terceira edición da súa Festa degustación en Baleira, O Cádavo; cita que contou coa colaboración da IXP na achega do produto certificado e de material promocional.

Antes da degustación, realizouse unha poxa de xovencas de Rubia Galega. Raza que tamén se exhibiu na exposición de gando, xunto a exemplares de Cachena e animais de Porco Celta e Galiña de Mos. A xornada de festa completouse con varias actuacións musicais e unha mostra de cetraría. 

Con Pan de Cea

A carne da IXP Ternera Gallega tamén se degustou na Festa de Exaltación do Pan de Cea, que alcanzou a súa 31ª edición o pasado 7 de xullo. Nesta festa de Interese Turístico de Galicia, ofreceuse empanada de Ternera Gallega e carne ao caldeiro, que xunto a outro produtos galegos acompañaron as 1.500 bolas de pan de Cea preparadas para a ocasión. Tamén se celebrou a X Ruta dos Fornos, un percorrido gastronómico por 7 fornos tradicionais, no que os visitantes puideron probar diferentes tapas co pan certificado.