Medio Rural reclamará ao Goberno central que inclúa na PAC as axudas aos gandeiros da IXP Ternera Gallega
Tras completar o pago destas achegas, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo alcalde da Pastoriza, Darío Cabaneiro, visitou unha explotación desta localidade inscrita na IXP; unhas das que recibiron as axudas convocadas por primeira vez neste 2024 para apoiar aos produtores amparados.
A titular do Medio Rural puxo en valor a calidade da carne certificada pola IXP e destacou a importancia de apoiar aos seus produtores para seguir mantendo os seus niveis de excelencia. Por iso, afirmou que demandará ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que estas axudas poidan ligarse á Política Agraria Común e así poder implantalas dun xeito xeneralizado para continuar apoiando este eido produtivo.
A explotación de David Pérez, que produce carnes baixo a categoría Ternera Gallega Suprema, pertence á IXP desde o ano 2015 e conta con medio centro de animais. É unha das 4.578 ganderías beneficiadas das achegas, que teñen como obxectivo contribuír a paliar os sobrecustos de produción.