O Campus de Lugo acolleu unha masterclass sobre o vacún galego certificado
Na Facultade de Ciencias, o Consello Regulador impartiu, da man do director de Promoción, Luis Vázquez, e do cociñeiro lucense Héctor López, un obradoiro sobre os cortes singulares, que se dirixiu tanto ao alumnado e aos docentes como aos investigadores e ao sector produtivo.
A clase mestra abordou os aspectos tecnolóxicos, nutricionais, organolépticos e culinarios da carne certificada, tanto de Ternera Gallega como de Vaca Galega-Boi Galego, ademais de tratar a importancia que teñen os selos de calidade diferenciada para o mantemento do medio rural e para a súa sostibilidade socioeconómica e medioambiental.
No ámbito máis práctico, explicáronse os diversos usos culinarios dos cortes máis tradicionais e das pezas singulares ou menos coñecidas mediante o cociñado de diferentes receitas, que os asistentes tamén puideron degustar. A carne certificada acompañouse doutros alimentos de calidade diferenciada, como os queixos e os viños con denominación de orixe.
Por outra banda, a IXP Ternera Gallega tamén deu unha conferencia sobre o produto amparado e as súas cualidades nutricionais, incidindo na importancia de fixarse nas súas etiquetas para recoñecelo, ante Asociación Provincial de amas de casa, consumidores e usuarios de A Coruña (Federación Brétema).