O Obradoiro A Lanzada VI recibe a formación de Ternera Gallega

Coma leva facendo dende hai anos, a IXP impartiu o seu programa formativo nunha nova edición deste taller de emprego de O Grove, que ofrece as especialidades de Cociña e Restaurante-bar. Os seus 20 alumnos familiarizáronse coas diferentes pezas do vacún, con especial atención aos cortes singulares ou menos coñecidos, máis aló dos habituais coma o solombo ou a croca. Co obxecto de que coñezan a súa calidade, sabor e posibilidades gastronómicas, traballaron directamente coa carne certificada.

Puideron practicar as técnicas de corte e preparación máis axeitadas para cada peza e coñecer o tipo de cociñado apropiado para cada unha delas. Tamén trataron cuestións que inflúen no resultado culinario final, coma a maduración da carne, o seu temperado previo á elaboración ou o sentido do corte para favorecer a moleza do produto. 

Cualidades diferenciais da IXP

A nivel teórico, os estudantes deste obradoiro recibiron información sobre a Indicación Xeográfica Protexida e o seu funcionamento. Desde o tipo de animais e razas admitidos, a súa alimentación e método de crianza ata o sistema de control e de rastrexabilidade que aplica o Consello Regulador en todas as fases da cadea: nas ganderías, nas industrias e nos puntos de venda. 

Outra cuestión, que como profesionais do sector da restauración deben coñecer, é a importancia das etiquetas que acompañan á carne certificada como único aval de que, efectivamente, está amparada pola IXP Ternera Gallega. Estas etiquetas permiten recoñecela e diferenciala doutros produtos sen indicativo de calidade, ademais de achegar información sobre a súa categoría comercial e as características que a definen.