A Gran Bikedada chega á meta con Ternera Gallega

Un ano máis a IXP colaborou con esta carreira solidaria que descorreu o domingo por Vigo, co obxectivo de apoiar a práctica deportiva xunto cunha alimentación equilibrada. Ademais de material divulgativo, o Consello Regulador achegou produto certificado para ofrecer unha degustación aos máis de 800 participantes na proba, que cumpriu o seu décimo aniversario. 

Como novidades nesta edición, A Gran Bikedada tivo como punto de saída e chegada a Praza Pública do Centro Comercial Vialia, que ofreceu maiores comodidades aos corredores e aos seus acompañantes. Tamén se estreou, no ámbito deportivo, a “Triple Coroa”, que encadea tres tramos cronometrados en subida por pistas forestais. Ademais do ultrafondo, a carreira mantivo as distancias habituais de gran fondo, ata o Encoro das Eiras; fondo, que alcanza o alto de Amoedo, e medio fondo, que chega a Os Valos, en Redondela.

Xunto á proba deportiva, esta carreira tamén ten unha finalidade solidaria, xa que a organización, Social Ciclismo Fan Manager, colabora con entidades escolares en Guatemala.