Orde de axudas ás explotacións gandeiras inscritas na IXP Ternera Gallega
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas ás explotación gandeiras inscritas na IXP Ternera Gallega. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes e farase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I, procedemento MR515I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal
Período subvencionable e contías
Esta orde será de aplicación as explotacións de gando bovino rexistradas no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia e inscritas na IXP Ternera Gallega, que tivesen animais rexistrados na IXP durante 2023 como Ternera Gallega (TG) ou Ternera Gallega Suprema (TGS) polo Consello Regulador que xestiona a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega e, ademais que finalizasen o seu ciclo produtivo dentro do ano 2023.
A contía individualizada da axuda para cada persoa física ou xurídica beneficiaria será como máximo de 200 € por animal de TGS subvencionable e de 36 € por animal de TG subvencionable.
Serán subvencionables os animais que estiveron rexistrados durante o ano 2023 na IXP Ternera Gallega, que finalizaron o seu ciclo produtivo no marco desta IXP dentro de dito ano e que cumpriron todos os requisitos específicos exixidos ás categorías TGS ou TG.
Límites
Non se concederán axudas superiores aos 20.000 € por persoa titular e, no caso de persoas titulares que teñan varias explotacións, computaranse na axuda os animais rexistrados subvencionables existentes en todas elas. Para os titulares que só teñan animais de TG subvencionables, o límite da axuda será de 10.000 €.
No caso de persoas titulares que produzan animais subvencionables de TGS e de TG, a axuda calcularase cos importes sinalados para cada categoría de animal, co límite dos 20.000 € por persoa titular, pero respectando que o importe correspondente aos animais subvencionables como TG non poderá superar o límite mencionado dos 10.000 €.
Se o crédito dispoñible non fose suficiente para facer fronte ás axudas solicitadas por todas as persoas beneficiarias, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Neste enlace pode consultar a publicación do DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240103/AnuncioG0426-221123-0009_gl.pdf