
Profesionais cárnicos alemáns visitan Ternera Gallega
A IXP marca un paso máis no seu programa de internacionalización realizando unha nova misión comercial inversa con Alemaña. Durante dous días, recibiu a visita dun grupo de profesionais procedentes dunha empresa grosista da localidade Remagen e dunha carnicería de Jülich, co obxectivo de amosarlles o sistema de produción de Ternera Gallega Suprema e o seu programa de control e rastrexabilidade.
En dúas explotacións inscritas de Sarria e de Friol, coñeceron os seus gandeiros e como alimentan e manexan os animais amparados. Ademais, os inspectores da IXP explicáronlles o seu traballo de control no campo; verificando a orixe dos tenreiros, que pertenzan ás razas admitidas e que tomen leite materno como mínimo ata os 7 meses, ademais de comprobar as condicións de benestar animal.
O grupo tamén estableceu contactos comerciais con dúas industrias inscritas e visitou as súas instalacións. Nesta fase, os vedores do Consello Regulador amosaron o proceso de certificación dos canais, tras cumprir os requisitos da IXP, e da súa correcta etiquetaxe.
Pezas singulares
A formación práctica culinaria tamén forma parte das misións comerciais inversas que organiza Ternera Gallega para promover entre os profesionais cárnicos o aproveitamento integral de todo o canal. O grupo asistiu a un clase sobre a versatilidade das pezas, afondando nas posibilidades gastronómicas das máis coñecidas e, tamén, das menos habituais.
Estas actividades promocionais con profesionais de fóra de Galicia buscan divulgar as características diferenciais de Ternera Gallega Suprema en mercados de interese, coa meta de ampliar as opcións de comercialización das industrias inscritas e repercutir, por tanto, na rendibilidade das ganderías.